domingo, 8 de diciembre de 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS A DÍAZ CASTRO

O poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro é autor dunha obra poética singular e de aparición serodia que destaca polo seu virtuosismo técnico.

Ver máis

domingo, 1 de diciembre de 2013

A LINGUA GALEGA

O Galego, A Lingua
LINGUA ROMÁNICA E EUROPEA
O galego pertence ó grupo das linguas Románicas —coma o francés, o castelán, o catalán, o portugués ou o italiano—, e é producto da evolución do latín implantado polos romanos no noroeste da Peninsula Ibérica, con achegas dos idiomas dos pobos aquí instalados antes da colonización, ademais das contribucións das linguas superpostas ó latín galaico trala fragmentación do Imperio Romano.
Os límites xeográficos da nosa lingua veñen conformados pola Comunidade Autónoma de Galicia e as áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora.
Galicia conta con máis de 2.800.000 habitantes; entre eles, case dous millóns e medio falan galego. Desde un punto de vista lingüistico, limita polo leste coas falas leonesas e asturianas, e polo sur cos falares miñotos e transmontanos de Portugal.
Diversas circunstancias históricas motivaron que non chegase a se constituir en lingua dun Estado, senón que se integrase dentro dun país multilingüe. España, feito este non estraño de considerarmos que o número de linguas no mundo oscila entre tres e catro mil, mentres que o número de estados xira en torno ós douscentos. Hai polo tanto case vinte voces máis linguas ca estados. A meirande parte deles deben, pois, enfrontarse ós problemas orixinados pola convivencia de varias linguas dentro dos seus respectivos territorios que case sempre se relacionan desequilibradamente. No vello continente, só Portugal, Islandia, Albania e pequenos estados como Liechtenstein San Marino ou a Cidade do Vaticano son lingüísticamente homoxéneos. Polo tanto, o caso galego é común a moitas nacionalidades europeas.
a lingua galega
En Europa a preocupación pola diversidade cultural e lingüística maniféstase xa nos anos cincuenta a través do Consello de Europa. A principios dos oitenta comeza unha longa pescuda sobre a situación das linguas minorizadas, que desemboca na presentación por parte do Comité de Ministros do Consello de Europa da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias en 1992, texto que ha ser aprobado polos paises membros a partir do 2 de outubro dese mesmo ano.
É o primeiro documento xurídico e político importante que implica practicamente a toda Europa.
A Carta comeza por testemuña-la existencia da pluralidade lingüística europea, non como foco de conflíctos, senón como unha enorme riqueza cultural. Asi mesmo recoñécese que estas linguas (entre elas o galego) viven unha situación complexa, e declárase que é responsabilidade dos poderes públicos defenderen a posición dos idiomas minoritarios. Expresa explicitamente que para a promoción e a salvagarda das devanditas linguas é vital o seu emprego, tanto na vida privada coma na pública, social e económica; e concreta a necesidade da presencia das linguas no ensino, sobre todo no primario, na Administración e na Xustiza como único medio de rematar coa discriminación linguística.
España participa directamente deste recoñecemento da pluralidade lingüística e cultural europea a partir da súa integración na Comunidade o primeiro de xaneiro de 1986. Deste xeito, Galicia, que ten unha lingua e unha cultura específicas, súmase ó conxunto heteroxéneo e plurivalente de culturas que conforman o mosaico europeo.
A vocación europeísta de Galicia xa se manifestara no pensamento dos intelectuais galegos de principios do século, como se recollía na "Primeira Asamblea Nazionalista" de 1918, na cal se defendía "o ingreso das nacionalidades da Iberia na Liga das Nazóns".

MÁIS HOMENAXEADOS



HOMENAXEADO ANO 2014: XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

O Homenaxeado do Día das Letras Galegas 2014 é Xosé María Díaz Castro (1914 - 1989), poeta orixinario de Os Vilares de Parga, Guitiriz (Lugo).
Currículum
Ós 17 anos ingresou no Seminario de Mondoñedo e cando saíu en 1936, exerceu de profesor de Ensinanza Media en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). En 1948, tras licenciarse en Filosofía e Letras, trasladouse a Madrid, onde alternou a docencia coa traducción no Ministerio da Gobernación. Tamén traballou no Instituto de Cultura Hispánica e no Consello Superior Científico. 
Obras realizadas
Escribiu os primeiros versos ós 12 anos e o seu primeiro poema publicouno ós 16 na revista "Lluvia de rosas" (Tarragona) da que foi colaborador. Desde Madrid publicou asiduamente poemas na revista "Alba". A súa consagración produciuse coa aparición do tomo IV da Escolma da poesía galega (1955) de Francisco Fernández del Riego. Tamén publicou poemas e artigos de crítica e ensaio en xornais de Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Lugo, Pamplona, Vigo e nas revistas "Estafeta literaria" e "Ínsula" de Madrid. En 1946 publicou Nascida dun sono e El cántico de la ciudad e en 1961 Nimbos, a súa obra máis importante. Publicou, ademais, traduccións ó galego e ó castelán de poetas e prosistas europeos, multitude de poemas e os libros Sombra radiante e Mediodía.
Outros datos de interese
O seu poema "Penélope" foi traducido ó francés na antoloxía Terre d'Espagne de Francoise Pechère e aparece a referencia crítica á súa obra na revista alemana "Humboldt". En 1946 gañou os primeiros premios de poesía galega e castelá nos Xogos Florais de Betanzos (A Coruña).

HOMENAXEADO ANO 2013: ROBERTO VIDAL BOLAÑO


Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.     A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.     A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público.     A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo.     A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.



HOMENAXEADO ANO 2012: VALENTÍN PAZ ANDRADE

Avogado, escritor e activista político, Valentín Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra). Faleceu o 19 de abril de 1987.
Estudiou Bacharelato en Pontevedra. Posteriormente estudiou Dereito en Santiago. Ó remata-los seus estudios dirixe o diario 'Galicia', no que tamén colaboran Castelao, Risco, Maside e Vilar Ponte. En 1924 Valentín é condenado a un mes de cárcere polo carácter dos seus artigos. En 1931 foi candidato a Deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes. Despois do alzamento militar contra a República é desterrado a Verín e a Serra de Queixa. Posteriormente é confinado a Villanueva de la Serena (Extremadura). En 1939 casou con Pilar Rodríguez de Prada. En 1942 empezou a dirixi-la revista Industrias Pesqueras e en 1950 viaxou a Bos Aires invitado polo Centro Galego. En 1964 foi nomeado membro da Real Academia Galega co discurso titulado A Galeguidade na obra de Guimaraes Rosa. Despois da morte de Franco, formou parte da 'Comisión dos 10' da oposición democrática (con Cañellas, Felipe González, Tierno Galván, etc). En 1977 foi elexido Senador por Pontevedra, dentro da Candidatura Democrática Galega.
Valentín Paz Andrade publicou numerosos artigos periodísticos. Como xurista amosou a súa preocupación pola realidade socio-económica de Galicia en obras como Pranto matricial, Galicia como tarea, Sementeira do vento, La marginación de Galicia, El capital como factor del desarrollo de Galicia, El sistema económico de la pesca en Galicia, Producción y fluctuación de las pesquerías, Los derechos sobre el espacio marítimo. A súa personalidade polifacética levouno tamén a publicar algunhas obras de poesía como Pranto matricial (1954), Sementeira do vento (1968), Cen chaves na sombra (1979) e ensaios como La Anunciación de Valle Inclán (1967), Transferencias etnológicas de Galicia en el Brasil Ulterior (1976), e A galecidade na obra de Guimaraes Rosa (1978). Paz Andrade amosa tamén a súa preocupación política en obras como O modelo federal para a constitución do Estado galego y Testimuñas e prespectivas de homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (1978). Ademais publicou a biografía máis importante que existe sobre Castelao titulada Castelao na luz e na sombra (1982).

HOMENAXEADO ANO 2011: LOIS PEREIRO

Lois Pereiro
Homenaxeado Ano 2011

Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996)

Autor de culto, representante da eclosión creativa dos 80 e da contracultura. "Nas letras galegas constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas. Alguén, como di Manuel Rivas, semellante á figura de Manuel Antonio nos anos 20". Con estas palabras presentaba Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG) a Lois Pereiro, o autor que se homenaxea no Día das Letras Galegas 2011. Del dixo tamén Manuel Rivas: "é un mito contemporáneo. A súa obra é vangardista, universal e tamén dramática, pero con moito alento. Lois Pereiro invoca aos bos espíritos, as marabillas, a rebeldía e a xenerosidade”.
Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos (Lugo) en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudos en Políticas que abandona logo para introducirse na informática e nos idiomas. En Madrid inicia a súa traxectoria literaria na revista experimental Loia xunto cun grupo de universitarios galegos como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza e Vicente Araguas, e da que só se coñecen catro números (o último é de 1978). Nesta publicación apareceron algúns dos poemas do escritor monfortino que posteriormente se incluirán no seu libro Poemas para unha loia (1996), no que tamén se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a rida hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” que fora dado a coñecer a través das páxinas da revista Luzes de Galiza.
Xa de regreso en Galicia, Pereiro forma parte do Grupo de Amor e Desamor que editou dous libros con ese mesmo título. Pereiro figura, pois, nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) nas que tamén aparecen Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de tendencias moi diversas pero que compartían inquedanzas culturais.Á iniciativa deste mesmo grupo débese tamén o mantemento da revista Luzes de Galicia onde, ademáis do mencionado ensaio, viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.
Pereiro tamén foi incluido en 1987 na antoloxía Después de la modernidad na que aparecían Luis Alberto de Cuenca, Bernardo Atxaga, Felipe Benítez ou Pedro Casariego. En Galicia Lois Pereiro compaxina profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, e contribuiu coas súas aportacións a artellar varias antoloxías colectivas.
Aínda que publicou poemas e artigos en varias revistas culturais, non foi ata 1991 que aparece a primeira das súas dúas únicas obras publicadas en vida: Poemas 1981/1991 (1992). Tres anos máis tarde edítase Poesía última de amor e enfermidade(1995). Os dous poemarios son duras e espidas obras nas que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e a certos trazos da contracultura.
Lois Pereiro falece enfermo en A Coruña en 1996. Aparecen póstumos: Poemas para unha loia (1997), recopilación da súa primeira poesía que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia; e a novela inconclusa Náufragos do paradiso, publicada en Luzes de Galiza.
A Real Academia Galega (RAG) desta as “colaboracións” do poeta lucense, “sempre reticente á difusión individual do seu traballo” e lembrou as súas contribucións como letrista a Radio Océano e como redactor de guións televisivos. A RAG sinala, tamén, que Pereiro cultivou desde os seus inicios “unha imaxe e unha estética” que fixeron del un “autor de culto”: “cartografiou como ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para elo o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo”. A RAG entende que a súa proposta artística callou na sensibilidade emerxente sumerxida no posmodernismo e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo e acuciante”. Reivindicou o “compromiso” da súa obra, “a temática e a súa forma”, ademáis do seu carácter “contemporáneo”.

lunes, 25 de noviembre de 2013

HOMENAXEADO ANO 2010: UXÍO NOVONEYRA

Uxío Novoneyra (Parada do Courel, 1930 – Santiago de Compostela, 1999)

Uxío Novoneyra, considerado un dos poetas máis relevantes en lingua galega de tódolos tempos, proxecta a súa obra enraizada na tradición e no popular, aínda que con destacadas tonalidades vangardistas nas que destaca o lirismo da palabra.

Fillo de labregos, naceu na montaña lucense, en Parada do Courel, o 19 de xaneiro de 1930, e adicou a súa obra a inmortalizar a fermosa paisaxe da serra. Sendo estudante en Lugo coñeceu a Manuel María con quen frecuentou o trato de intelectuais da anterior xeración como Luis Pimentel, Anxel Fole, Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro. Con 19 anos, Novoneyra trasládase a Madrid onde se matricula na Facultade de Filosofía e Letras. En 1951 regresa para facer o servizo militar, e entre 1953 e 1962 vive de novo en O Courel obrigado por unha doenza pulmonar que o tivo ás beiras da morte. Entre 1962 e 1966 volve a Madrid onde traballa na radio e na televisión. En 1973 casa con Elba Rei con quen tivo tres fillos que residían entre O Courel e Lugo. Instálase definitivamente en Santiago de Compostela en 1983.

En 1955 publica o seu primeiro libro de poemas, Os Eidos, con prólogo de Ramón Piñeiro. Seguíronlle Elegías del Caurel y otros poemas (1966), en edición bilingüe, e Poemas caligráficos. En Muller para lonxe reúne poemas de amor xa publicados e outros inéditos ilustrados con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio Rodríguez Fer. Ademáis da súa incursión na narrativa para nenos, destaca a oralidade da súa poesía que adquire matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co pobo e coa poesía popular, según afirma a Real Academia Galega.

O poeta foi elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un cargo de ocupa ata o seu falecemento en outono de 1999. Novoneyra foi un poeta de entrega total, pero non de minorías, xa que sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo. Tanto en “Os eidos” como nas súas outras obras, Novoneyra é capaz de evocar sensacións visuais, auditivas ou anímicas mediante a combinación e repetición de fonemas.

A poesia de Novoneyra ten moi pouco que ver coa dos outros paisaxistas galegos. Novoneyra é-valla a aparente contradicción- un poeta silencioso, e os seus poemas van moito máis alá do texto. As palabras pouquísimas evocan dun modo máxico o mundo no que o home esta inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós. Non describe: evoca, invoca. E hai outro Novoneyra coral, heroíco: o da Letanía de Galicia, do Viet Nam Canto.